viernes, 26 de marzo de 2010

A TOPONIMIA COMO PATRIMONIO CULTURAL


A toponímia é o rexistro da relación do pobo co medio co medio ao longo dos seculos.


Tanto por antigüidade, variedade e número, o noso País goza dunha grande riqueza toponímica, cifrada en máis de dous millóns de topónimos -case tantos como habitantes- debido, fundamentalmente, a tres factores: orografía, dispersión poboacional e división da propiedade.


Porén, a progresiva transformación dos modos de ocupación do territorio está a por en serio perigo a supervivencia de moitos toponimos tradicionais, situación que se agrava polos xuizos de valor ou prexuizos relativos ao idioma galego.


Un caso recente, e vixente, de todo elo é o acontecido no Concello de Poio a respecto do toponimo Rabo de Porco, onde a Corporación Municipal, nun alarde de sensibilidade social merecente de millor causa, a piques está de perpetrar un atentado contra o noso patrimonio inmaterial, herdado de xeneración en xeneración a traverso dos séculos e que, da súa importancia cronolóxica e histórica, dános idea Elixio Rivas (1982) ao cifrar as proporcións dos estratos toponímicos en: pre-romano, 21,3%; latino, 67,1%; xermánico, 7,8%; árabe, 2,1%; outros, 2%.

Na Alta Idade Media (anos 800-1000) comezan a aparecer as entidades, vilas, herdades, coutos, señoríos, abadías monacais, etc. e, pertencentes á abadía Cistercense de Armenteira, eran as herdades de Canelas (Raxó) e Rabo de Porco, doación feita por Afonso VII, en 1155, a D. Ero, primeiro abade e fundador do Cenobio.


Frei Damián Yañez Neira, bibliotecario do Mosteiro de Oseira, no seu traballo El Monasterio de Oseira y sus Abades (Museo de Pontevedra, 1980, pax. 209) acheganos unha referencia a herdade de Rabo de Porco.


Que a primeira proba documental que atopemos do topónimo sexa durante o mandato de Frei Bernabé Cano, quen execeu a abadía no trienio 1683-1686, en que o Mosteiro de Armenteira lle afora a Domingo Rodríguez, de Rexó, para sí e por tres vidas de reis ouraiñas, a herdade chamada do Rabo do Porco, por un ferrado de centeo, posto á súa costa na Granxa de Rexó, non quer dicer que éste non sexa máis antigo, toda vez que a exclaustración dispersou os papeis do Mosteiro de Armenteira, indo a parar a mans de particulares de Cambados na súa meirande parte. Tal é o caso dun Manuscrito do P Basilio Duarte (S.XVII) posteriormente doado polo avogado cambadés Xosé Fraga ao Seminario de Estudos Galegos, transcrito por Bouza Brei na revista Compostellanum (1961) de onde entresacamos o dato.


Rabo de Porco non é máis que un dos moitos zootopónimos que abondan por todo o mundo -o caso de Oxford, citado por Gonzalo Navaza, e só unha pequena mostra- e en Galiza hai centos de características similares, como Ponte do Porco, interpretado por Filgueira Valverde como alusivo ao xabarín, e Fonte do Porco, recollido por Moralejo Laso sen especificar si se trata do animal montés ou doméstico.


Tamén poidera tratarse dun fitotopónimo, en alusión á pranta coñecida polo mesmo nome; anque nalgúns casos a linguaxe toponímica é metafórica sen maís, procedendo da suxerencia de simples parecidos entre a orografía do terreo e algunhas formas do animal, como seguramente corresponde ao caso que nos ocupa, derivandose as súas connotacións negativas, unicamente, da visión deformada dalgúns -poucos- veciños e non do topónimo en si, tendo máis ben relación con prexuizos relativos á lingüa, tal e como moi ben dí, tamén, Gonzalo Navaza.


Outras autoridades na materia, como o Presidente da Real Academia Galega, Méndez Ferrín, Juan José Moralejo, ou a asociación Vaipolorio, que realiza unha loabel recuperación dos topónimos do curso do Río dos Gafos, tamén se amosaron contrarios á supresión do topónimo.


De todos os xeitos, que nun Concello como o de Poio, rexido por un alcalde nacionalista, que por mor dun inexplicabel deslíz, por moi unánime que este sexa, da súa Comisión de Facenda, teñamos que estar debatendo asunto tan obvio non deixa en bo lugar, precisamente, aos seus membros, sobre todo ante quenes sabemos o pouco receptivos que son ante propostas máis importantes e positivas, como a de retirar do nomenclator oficial os nomes de destacados represores franquistas que, a día de hoxe, ainda teñen rúas e nonra no noso Concello


No hay comentarios: